Espero que sirva de axuda este blog a quen, coma min, gusta de pasear por camiños, sendas e corredoiras.

miércoles, 12 de junio de 2013

Ascensión ó volcán de Pico (Illa de Pico - Azores)

A illa de Pico é a segunda máis grande das Azores, despois de Sao Miguel e nela atopase a montaña máis alta de todo Portugal, o volcán de Pico. Esta inmensa mole de 2.351 m de altura ocupa practicamente todo o sector occidental da illa e constitúe, se as nubes o permiten, unha marabillosa balcoada sobre o resto das illas do grupo central.
Vista do volcán de Pico dende Madalena

A maneira máis doada de chegar a Pico é collendo un voo dende Lisboa ata Faial, cara o aeroporto internacional de Horta, e una vez alí coller o ferry “Cruceiro do Canal” para chegar en pouco máis de 20 minutos a Madalena, a principal poboación de Pico.

Localización da Illa de Pico nos Açores (fonte mapa: http://conlospiesdescalzos.wordpress.com)

Ferry que une as tres illas do "Triangulo" (Pico, Faial e Sao Jorge)

O barco de ferry tiña pouco, mais ben se trataba dun vello pesqueiro reconvertido para o transporte de pasaxeiros. Sen embargo a viaxe é agradable, sempre que o mar non estea moi picado, e permite ver gran cantidade de pardelas cincentas ou cagarros (Calonectris diomedea borealis) planeando sobre as ondas a escasa altura, sobre todo na zona máis próxima os “Ilhoes da Madalena”, dous pequenos illotes deshabitados situados a escasa distancia de Madalena onde aproveitan pra criar.

Pardelas cincentas sobre as ondas

Na semana que pasamos nas Azores centrais unha cousa nos quedou clara, e é que a cima de Pico soe estar cuberta de nubes, polo que o principal consello que lle daría a xente que pretenda facer esta ascensión e que vaian pasar varios días na illa, é que o primeiro día que amaneza despexado tiren para arriba.

Dende Madalena á montaña collemos unha estrada perfectamente sinalizada. É moi interesante ver a sucesión de distintas paisaxes a medida que imos gañando altura. A estrada atravesa zonas de viñedos nos arredores de Madalena, grandes extensións de prados con numerosas vacas pastando neles salpicados por pequenas plantacións de criptomerias (Criptomeria japonica) e piñeiros (Pinus pinaster). Curiosamente nestas ladeiras da illa de Pico é o único lugar das Azores na que parece que prosperan os piñeiros, xa que nas outras a humidade é tan elevada que acaban por morrer.

Pastos na base da montaña

O continuar ascendendo atopamos grandes extensións nas que aínda se conserva o bosque  de laurisilva que inicialmente debía cubrir gran parte da illa. Esta vexetación estaba dominada por brezos (Erica azorica), aínda que aparecen o resto de especies habituais nas laurisilvas macaronésicas. Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi que as especies mais abundantes no sotobosque destas zonas de monte baixo eran os dous fentos mais ameazados de Galicia (Culcita macrocarpa e Woodwardia radicans).

Culcita macrocarpa

A ascensión ó cráter do Pico iniciase na Casa da Montanha, situada a uns 1.200 m de altura. Neste punto é obrigatorio rexistrarse e pedir autorización para ascender, unha vez realizado este trámite déronnos unas instrucións de seguridade, puxéronnos un vídeo e informáronnos de que en caso de rescate teriamos que pagar 1.500 euros. Tiñamos entendido que neste punto facilitabante un GPS para realizar a ascensión que permitía a túa localización en caso de perda na montaña, sen embargo a nós non nolo deron (serán os recortes...).

Vista en google earth da ruta realizada

A ascensión non é excesivamente complicada se tes un día claro, con néboa pode complicarse a cousa. O camiño atópase balizado por 44 postes de madeira.  O desnivel é moi importante polo que é necesario tomalo con calma e avanzar pouco a pouco desfrutando das paisaxes que se nos van abrindo a medida que gañamos altura.

Balizas que indican o camiño de subida

Un dos moitos cráteres existentes en Pico, ó fondo a illa de Faial

A medida que ascendemos a vexetación faise mais pequena e rara, as especies da laurisilva van pouco a pouco desaparecendo ata que unicamente quedan exemplares ananos de brezo e algúns pés illados de cedro do mato (Juniperus brevifolia). Respecto a fauna en toda a ascensión puidemos observar ás aves endémicas e emblemáticas das Azores: o merlo-preto (Turdus merula azorensis), a lavandeira cascadeña ou alvéola-cinzenta (Motacilla cinerea patriciae) e o pimpín ou tentilhao-comum (Fringilia coelebs moreletti).  Tamén avistamos numerosos canarios (Serinus canaria), paporrubio ou pisco-de-peito-ruivo (Erithacus rubecula) e papuxa capirotada ou toutinegra-de-barrete-preto (Sylvia atricapilla gularis).

Cedro do mato (Juniperus brevifolia)

Vexetación enanizada xa preto da cima

Merlo-preto (Turdus merula azorica)

O tramo de ascensión balizado chega ata o borde do cráter, este ten unha forma mais ou menos circular e aproximadamente 600 m de diámetro, pero non constitúe o punto mais alto da montaña xa que nun dos seus lados formouse un novo pico nunha erupción posterior (chamado “Piquinho”), que se eleva aproximadamente 200 metros sobre a base do cráter, ata chegar os 2.351 m de altura.

Cráter do volcán de Pico

O Piquinho

Cando chegamos ó cráter, a cima estaba cuberta de nubes polo que decidimos facer algo de tempo aproveitando para comer un bocata e pasear polo cráter. A paisaxe é totalmente lunar onde, salvo algúns liques, non medra ningunha outra vexetación, de feito en pleno mes de maio inda se conservaban algúns neveiros en zonas umbrías.

Paisaxe lunar no interior do cráter

Tras aproximadamente media hora de espera o ceo abriuse e subimos o Piquinho para chegar a cima Este tramo da ascensión é a parte mais complicada por non ter rumbo fixo, pola forte pendente, a exposición dalgúns dos tramos e a pedra solta que se desliza baixo os nosos pés, o que nos obriga en moitos casos a subir case a gatas.

Unha vez feito cima, a montaña premianos cunhas vistas espectaculares, se o día está claro pódese contemplar tódalas illas do grupo central das Azores (no noso caso, non puidemos ver Terceira e Graciosa). Observamos tamén os incontables pequenos cráteres que salpican toda a superficie de Pico, a espectacular caldeira da illa de Faial e os impresionantes acantilados empedregados de Sao Jorge.

Vistas dende a cima

Na cima do Piquinho atopamos outro pequeno cráter  de poucos metros de diámetro polo que aínda se observan fumarolas (dado que non cheiraba a xofre deducimos que serían de vapor de auga), e notabase o calor do chan ó pisar.

Cráter do Piquinho

O descenso faise sen maiores problemas polo mesmo camiño empregado para subir. En total, levounos 8 horas facer a ruta, incluíndo as paradas no cráter para comer e o tempo que estivemos na cima.

No hay comentarios:

Publicar un comentario