Espero que sirva de axuda este blog a quen, coma min, gusta de pasear por camiños, sendas e corredoiras.

jueves, 15 de septiembre de 2011

Glaciar de Argentiere (Chamonix - Mont Blanc)

Comezamos a primeira xornada nos Alpes Franceses con enormes ilusións por desentrañar os rincóns que agochan estas espectaculares montañas situadas a sombra do gran coloso de mais de 4800 m, o Mont Blanc.

Mont Blanc visto dende Chamonix

É o 25 de xullo (día de Galicia) pero o tempo é bastante fresco, mais ben primaveral.

Durmimos a noite anterior no camping Mer de Glace (a escasos quilómetros de Chamonix, o centro neurálxico da comarca), un camping pequeniño pero con tódolos servizos que se lle pode pedir a estos aloxamentos, bueno, todos non, botamos en falta unha cafetería, aínda que hay máquinas para poder tomar un café ou chocolate quente.

¿A primeira impresión sobre os Alpes? Pois que queredes que vos diga... a zona de Chamonix defraudoume un pouco, as montañas son espectaculares pero están totalmente destrozadas (si, esa é a palabra) por todo tipo de remontes, teleféricos, trenecitos e demais instalacións para subir aos turistas (estes que van o monte en náuticos e polo lacoste) ata calquera punto mínimamente interesante. Que haxa algún remonte pareceme aceptable, pero no Val de Chamonix é unha esaxeración.

Superada esta mala impresión inicial nos achegamos ata o Col des Montets (na estrada de Chamonix a uns 10 km en dirección a Suíza) para realizar unha das rutas clásicas pola Reserva das Aiguilles Rouges, a idea é percorrer o Balcón Sur e achegarnos ata o Lago Blanco, lugar dende onde pola información que recopiláramos por internet, se pode desfrutar das mellores vistas de todo o macizo do Mont Blanc.

Macizo de las Agujas Rojas

Sen embargo, no inicio da ruta, nos esperaba o segundo disgusto da xornada, un cartel no se avisaba de que non se permite a entrada de cans na reserva (nin sequera atados). En fin ..... se ve que os cans supoñen unha molestia para a fauna salvaxe pero non os teleféricos e remontes cargados de domingueiros ata o corazón das montañas (non sei por qué pero me da a sensación de que algo ten que ver o pastón que cobran nos remontes, os turistas pagan, os cans non)

Nina defraudada por non deixala entrar na Reserva das Aguilles Rouges

O caso é que como íamos ca nosa cadeliña Nina decidimos pensar nun plan B. Optamos por ascender ata o Glaciar de Argentiere, un dos moitos glaciares que descenden pola cara Norte do Macizo do Mont Blanc.

Mapa da ruta realizada
Vista en Google Earth da ruta ata o Glaciar de Argentiere

Aparcamos o coche en Argentiere (bueno, exactamente na zona coñecida como La Rosiere (a 1214 m), onde, para variar, podese coller un teleférico que te deixa a 1 km escaso do glaciar salvando de golpe e sen esforzo un desnivel de case 800 m. Por suposto sería un pouco hipócrita collelo despois da rajada das liñas anteriores (non me vale a escusa de que “como xa están feitos” porque  se nos montamos neles contribuimos a este circo e a seguir estropeando as montañas).

Así que iniciamos o ascenso, a verdade e que a parte inicial é bastante fea, discurre por unha pista de esquí polo que nin as vistas, nin a vexetación nin nada é digno de mención, de feito esta parte “fea” remata na estación intermedia do teleférico (1975 m), que continua ata os picos das Aguilles Verdes (“menudos pardillos” seguro que está a pensar alguén). 

Pista de esquí pola que se ascende inicialmente

Estación intermedia do teleférico (Cruz de Lognan)

Soamente atopámonos con outros 2 montañeiros que subiran coma nós pola pista de esquí, o que contrasta ca gran cantidade de turistas unha vez chegados a estación do teléferico. Dende aquí un quilometro mais ou menos cómodo ata o glaciar. A verdade é que non é dos mais coñecidos nin visitados, a diferencia do Mer de Glace, pero as vistas son espectaculares (polo menos para alguén que coma min, o glaciar mais grande que vira fora o do Monte Perdido).

Primeira imaxen do glaciar cos impresionantes seracs que se forman.

Comemos un bocadillo desfrutando da paisaxe e despois, como aínda era bastante cedo, decidimos continuar ascendendo por un sendeiro pouco marcado montaña arriba para desfrutar dunha mellor vista da lingua glaciar. Foi matemático, en canto comenzamos a subir apartándonos do camiño principal desapareceu toda a xente e puidemos disfrutar realmente dunha boa xornada de montaña.

A medida que ascendemos pola ladeira a vista sobre o glaciar vaise facendo mais espectacular
 
O día se estaba poñendo bastante feo, e incluso nalgún momento caeu algunha folerpa de neve, pero cando chegamos a un collado situado a uns 2650 m de altura, o ceo abriuse por uns minutos saindo o sol e deixandonos unha estampa absolutamente espectacular do glaciar, circo e os grandiosos picos das Aiguilles Verdes (4122 m) e Aiguille du Chardonet (3824 m). Quero pensar que a montaña premiounos nese momento polo esforzo de subir ata alí camiñando sen a necesidade de utilizar axudas artificiais.

Aiguille du Chardonet (3824 m)

Aiguille Verde (4122 m)

A partires dese punto o camiño xa se complicaba bastante e ademais o ceo volveuse a pechar polo que decidimos iniciar o descenso. Fixemos unha pequena variante xa que ao enlazar coa pista que leva a estación do teléferico collemos un atallo cara o refuxio de Lognan (2032 m) dende o cal se ten unha fermosa vista da fronte do glaciar. Esto permite facerse unha idea das impresionantes dimensións desta lingua de xeo.

Fronte do glaciar

Dende o refuxio enlazamos mediante un sendeiro coa pista de esquí e dende alí ata o coche (¡¡¡Ollo co desnivel!!, porque castiga os xeonllos moito mais que á subida).

Panorámica da lingua e circo glaciar de Argentiere

No hay comentarios:

Publicar un comentario